martes, 12 de febrero de 2008

"A comunidade" de Álex de la Iglesia


Julia traballa nunha inmobiliaria, ten unha parella depresiva, problemas económicos e polo xeral unha vida pouco feliz.Pero é un personaxe cunha forza enorme que lle permitirá facer que a súa vida dea un verdadeiro xiro. A incrible Carmen Maura representa a Julia, quen atopa trescentos millóns de pesetas escondidas no apartamento dun propietario que acaba de morrer no piso de arriba ao apartamento que ela mostra en aluguer. Os veciños desta particular“comunidade” no afán de quitarlle os cartos que cren da súa propiedade tramarán ao longo do filme distintas trampas para acabar con esta muller que se lle presenta como un obstáculo para conseguir o que estiveron planeando durante anos. O filme fluctúa entre o cómico, e o tráxico, onde a loucura, a violencia e as baixezas propias da condición humana son levadas ata as ultimas consecuencias. Alex de la Iglesia, fiel á súa estética constrúe o suspense na utilización dos primeiros planos, que acentúan o desequilibrio mental e a expresión dos personaxes. Os veciños de Julia son seres tan cotiás como terroríficos, alienados nun vello edificio que o cineasta constrúe como o único escenario da acción. O manexo do zoom e os movementos vertixinosos de cámara acentúan o suspense, principalmente na fuxida final da protagonista polos teitos do edificio. Un film intertextual no que o director recoñece poñer en xogo as influencias de Polanski e de Hitchcock e onde logra expresar o drama e o suspense por medio da risa.

No hay comentarios: