martes, 12 de febrero de 2008

"Misterioso asasinato en Manhattan" de Woody Allen


Woody Allen rodou en 1993 Misterioso asasinato en Manhattan , que é ante todo un homenaxe á fascinación que exerce o cine negro e tamén un homenaxe á curiosidade humana, a maior urdidora de intrigas. Esta comedia céntrase en dous personaxes, Larry (Woody Allen) e Carol (Diane Keaton), un editor e unha ex–publicista que busca unha nova ocupación nas exquisiteces do mundo da cociña; o espectador vese envolto por unha trama que parte do sopor do cotiá, da maior monotonía vital, para encamiñarse cara os delirios aos que o fastío precipita aos personaxes. Ante as diferenzas conxugais evidentes –representadas nas diferenzas de gustos, o hóckey e a ópera, respectivamente–e o aburrimento cotiá, Carol fai de banais conversas cos novos veciños unha fonte de entretemento. A súa curiosidade crecente provoca situacións que resultan embarazosas para o retraído editor Larry, personaxe no que o director, como é o seu costume, nos presenta ao omnipresente protagonista que xa coñecemos por toda a súa filmografía: o home indefenso, reprimido polos seus neuróticos temores e frustracións, incapaz de resolver a máis sinxela das tarefas cotiás, e de atopar a felicidade. A súa claustrofobia non é só un síntoma dos seus problemas; é tamén unha manifestación inconsciente do seu desexo de escapar á mediocridade. Carol, xa afeccionada aos casos policiais, encontrará nas súas especulacións sobre os novos veciños unha vía de escape á súa situación vital, e un estímulo que lle permite establecer un novo vínculo con Ted (Alan Alda); desta maneira intenta paliar o seu tedio conxugal. O visionado de Perdición (Billy Wilder), nunha filmoteca, inspira neles un afán detectivesco do que Larry tratará de apartarlles. O feito de que Larry busque refuxio no seu domicilio, responde á intuición de que é a única maneira de reter a Carol, a quen se sabe incapaz de satisfacer.
A relación conxugal, xa murcha e sen salvación aparente, cambalearase cando Carol busque o perigo como forma de reanimar a súa vida; a súa aventura rozará a rapazada, e faralle revivir experiencias anteriores. A nostalxia de situacións que lle quedaron por vivir estimúlaa a proseguir na dirección que emprendera, e o personaxe cárgase así de novas enerxías. O personaxe de Larry vese obrigado, pois, a seguir á esposa e amigo na súa tola e imaxinaria trama, que prosigue ata o delirante, bordeando o perigo e o ridículo. A personalidade de Larry, como por outra parte era de esperar, non necesita de tales emociones, e preferiría levar unha vida tranquila, sen sobresaltos.
Os temores de Larry acerca de que ela atope fóra da parella o que el non pode darlle desencadearán nel novas crises, pero o personaxe, consciente ou inconscientemente, reacciona, acercándose a unha das súas autoras, Marcia Fox (Angelica Huston); de novo Allen sitúa a mulleres atractivas en torno ao seu sempiterno personaxe neurótico, patético no seu medo a corresponderlles. Os dobres celos de Carol cara Marcia Fox constituirán un novo ingrediente, e fúndense aquí á perfección os clásicos problemas de parella coa intriga policial. A acción, gradual e insensiblemente, embárcase en delirantes peripecias, punteadas pola música de jazz; o gusto de Woody Allen polo cine negro lévalle a incluír homenaxes ao mesmo, concretamente a Hitchcock e a Welles: o intercambio de identidades recorda a Vertixe de Hitchcock; a curiosidade dos personaxes ante un feito trivial lévanos tamén a A ventá indiscreta de Hitchcock, e a secuencia final dos espellos é un claro homenaxe a A dama de Shanghai de Orson Welles.

No hay comentarios: