miércoles, 20 de febrero de 2008

"A noite americana" de François Truffaut


Afastado de toda crítica social ou empeño en mostrar unha causa, Truffaut acércase ao cine coa película A noite americana desde o amor cinéfilo que viviu desde neno.
Cunha filmografía extensamente rica que abarca a maioría de xéneros posibles e nunha situación cómoda dentro da industria, afianzado e gozando do prestixio tanto crítico como social despois de cambiar o cine coa “Nouvelle Vague” e os seus Catrocentos golpes (Les quatre-cents coups, 1959), a principios da década dos 70 decide aproximar a súa mirada ao mundo do cine e o fai desde unha perspectiva totalmente nova. A diferenza das demais películas que tratan o tema, Truffaut adéntrase coa mirada dun neno, a inocente mirada embriagada do amor que profesa cara o cine. Por eso esquécese de fronteiras, nacionalidades, efectismos baratos para ofrecer un retrato máxico sobre o cine. En vez de enmarcar unha película no contexto do mundo que rodea ao cine, Truffaut vai máis alá facendo unha película sobre unha película. Deste modo o nimio argumento do devir diario dunha rodaxe convértese nun desfile de situacións e personaxes que ofrecen ao espectador unha idea máxica do que é facer cine. A Truffaut non lle interesa mostrar os aspectos negativos que ocorran diariamente nin os aspectos burocráticos e aburridos, senón que abre as portas para mostrar un microcosmos que conforman aqueles que viven dentro deste ecosistema.
O espectador é compañeiro do equipo técnico que realiza a longametraxe deixándose atrapar nas redes dun ambiente ata agora descoñecido. Pero Truffaut é moi cauto e como director preocúpase moito en non ser obxectivo ao retratar o entorno e os seus poboadores. Filtra todos os aspectos reais baixo un prisma de tenrura provocando no público unha complicidade cada vez maior. É inevitable non rirse coas aventuras sexuais da script, as borracheiras da actriz madura ou a inestabilidade psicolóxica do actor encarnado por Jean-Pierre Leaud. Estes detalles que na realidade son moito máis duros e moito máis crueis, Truffaut convérteos en pequenas saídas de ton duns personaxes que viven noutro mundo, o mundo do cine.
De todo o equipo, non se salva da queima nin o director (encarnado polo propio cineasta) que é xordo; tan só a persoa máis serena e con máis sentido común será a estrela norteamericana que ven rodar (unha belísima Jacqueline Bissett), eso a pesar da súa perrencha no camerino, acercándose moitas veces a un ton case Felliniano, debido á explícita comicidade que destilan algúns pasaxes. Unha comicidade para nada absurda nin grotesca, senón sincera e feita con moito cariño, o que supón que esta unión sexa un fresco entrañable sobre o que significa pertencer a esa raza aparte que é a xente que fai películas.
A noite americana non é outra cousa que unha película realizada por un cinéfilo. Cada un dos fotogramas emana unha paixón que a emparella a aqueles directores que sempre se consideraron antes cinéfilos que cineastas, e para Truffaut este é o seu tributo. Todo o amor que sente polo cine o plasma na longametraxe, pero así mesmo tal e como a pretendida subxectividade lle outorga ese halo lírico ao relato, tamén xoga na súa contra. Como exemplos de ámbalas dúas vertentes, sinalar o magnífico inicio cos exemplares títulos de crédito que van aparecendo sobre a banda de son da propia banda sonora que soa, un apunte cinematográfico excelente, ou pequenos detalles como a rúa principal do decorado chamada “rúa de Jean Vigo”. Pero nese ímpeto de mostrar todo, Truffaut cae en xestos innecesarios e totalmente gratuítos como aquel plano detalle no que o director recibe un encargo de libros, todos eles de cine, Hitchcock, Dreyer, Rossellini... e o cineasta aguanta o plano ata que podemos observar todos e cada un dos libros.
Deixando de lado o comentado arriba e se nos esquecemos do look extremo da época en que foi realizada, cun vestiario e perruquería que é o reflexo da década dos 70, e certos deixes técnicos da moda cinematográfica imperante como os continuos zooms, o visionado de A noite americana é un gozo continuo e obrigado para todo cinéfilo e/ou cineasta.

No hay comentarios: