sábado, 16 de febrero de 2008

"Nosferatu" de F.W.Murnau (1922)




Jonnathan Hatter chega ao castelo do Conde Orlock e durante a cea, este último dá unha ollada ao contrato inmobiliario motivo do encontro. O plano de arranque da secuencia supón unha primeira axuda ao clima, un plano xeral preséntanos a ámbolos dous sentados á mesa, unha mesa centrada cara á esquerda quedando gran cantidade de aire ao lado contrario, ou o que é o mesmo: a presenza dun personaxe dentro dun espazo, potencialmente hostil, que domina sobre o resto do plano provocando un impulso lateral e una inquietude que tardará escasos momentos en alcanzar o clímax que veremos. A tensión aumenta por momentos coa mirada tenebrosa do vampiro e a aparición dun reloxo esquelético (xogos de caché e iris), J.Hatter entre despistado e asustado córtase un dedo co coitelo do pan e o conflicto estala, o conde Orlock acércase e mostra as súas intencións (cambio de plano no que vemos o seu rostro libidionoso) mentres J. Hatter acaba por entrar en pánico e intenta fuxir . Coa tensión dramática subindo, sen parar, pasamos a un plano xeral un pouco máis próximo , e centrado, que o que abría a secuencia. O aumento da cantidade espacial que temos e o ángulo máis centrado do tiro de cámara permitirán agora o despregue do sobreencadre como medio de manter a crispación e incluso aumentala.
J. Hatter apercibido por completo das malas intencións do vampiro levántase da cadeira e recúa, temeroso, tratando de escapar. Murnau demostrará coa súa plástica e dinámica a imposibilidade da hipotética fuxida, o/os sobreencadre(s) dentro do plano axudaranlle a facelo:

Horizontalmente: a mesa (co seu bodegón) en primeiro termo e uns escaleiróns no segundo, crean liñas converxentes no lado esquerdo ao tempo que achatan e pechan o paso cara adiante e entorpécenllo cara atrás. A estes súmase a parte superior do respaldo da súa cadeira que forma un ángulo, xusto sobre a súa cabeza, cunha fileira de dous cadros situados na parede que á súa vez potencian a mirada, elíptica, do vampiro (o cadro nace xusto desde os ollos tapados do conde Orlock cara el, cara a súa cabeza e pescozo.

Verticalmente: o despregue é máis amplo, abrumador. No borde dereito do marco aparece o respaldo, dunha das altas cadeiras , cortado pola marxe, a continuación a viga sobre a que arranca un arco (que á súa vez engloba, tacitamente, a totalidade da acción) de seguido a figura do conde ameazador e unha sombra vertical da arcada en profundidade. Todos estes elementos de corte, escaleirados, deixan a J. Hatter comprimido e atenazado, máis aínda co infranqueable respaldo da súa situada á esquerda. O plano é estático, os actores moveranse pouco, pero de maneira moi significativa, o vampiro cara adiante e o acosado cara atrás. A este último cabíalle a opción do espazo aparentemente libre do noso lado esquerdo, pero existen outros obxectos de igual natureza vertical que sobreencadran e encarceran tal posibilidade xa negada desde o respaldo da cadeira. Unha tímida botella e outra viga, sombría, da que nace o lado oposto do arco súmanse neste lateral aos elementos horizontais citados (escaleiróns e mesa) e a omnipresente cadeira .
O uso de primeiros planos non é profuso aínda que si é interesante cando o utiliza. Desta maneira enfatiza os rostros dos personaxes, as súas expresións, centrándonos na psicoloxía destes, que sole ser complexa e de motivacións ambiguas. Tamén utiliza o primeiro plano para dar importancia a aquelo que podería pasar desapercibido como o reloxo que da as doce no castelo do vampiro ou o dedo de Harker manchado de sangue despois dun corte accidental. Os rostros dos personaxes adquiren unha tremenda expresividade que se consigue grazas á propia interpretación e ao profuso maquillaxe, que aumenta nos rostros do vampiro e as criaturas afíns a el (o seu cocheiro, o seu servo Renfield...) para distinguilos do resto dos personaxes. Esto poténciase mediante a característica luz do cine expresionista alemán, branca e luminosa, cunha potencia que incide especialmente nos rostros.
Murnau diferencia todas as escenas mediante fundidos en negro. Non lle interesa crear unha liña de acción clara e alterna planos para crear unha atmosfera de medo que provoque inseguridade e desconcerto ao espectador, como ocorre nesta escena. A montaxe está moi coidada e meditada, utilizando neste caso o ralentí, para conseguir ese medo no espectador, sendo o ritmo de montaxe nesta escena, lento.

No hay comentarios: